03/12/2008

DOE TODAVÍA

Aqués que ten fama de honrados na vila,
roubáronme tanta brancura que eu tiña;
botáronme estrume nas galas dun día,
a roupa de cote puñéronma en tiras.
Nin pedra deixaron en donde eu vivira;
sin lar, sin abrigo, morei nas curtiñas;
ó raso cas lebres dormín nas campías;
meus fillos..., ¡meus anxos!..., que tanto eu quería,
¡morreron, morreron ca fame que tiñan!
Quedei deshonrada, mucháronme a vida,
fixéronme un leito de toxos e silvas;
i en tanto, os raposos de sangre maldita,
tranquilos nun leito de rosas dormían.

-Salvádeme, ouh, xueces!- berrei... Tolería!
De min se mofaron, vendeume a xusticia.
-Bon Dios, axudaime- berrei, berrei inda...
Tan alto que estaba, bon Dios non me oíra.
Estonces, cal loba doente ou ferida,
dun salto con rabia pillei a fouciña,
rondei paseniño... ¡Ne as herbas sentían!
I a lúa escondíase, i a fera dormía
cos seus compañeiros en cama mullida.

Mireinos con calma, i as mans estendidas,
dun golpe, ¡dun soio!, deixeinos sin vida.
I ó lado, contenta, senteime das vítimas,
tranquila, esperando pola alba do día.

I estonces..., estonces cumpreuse a xusticia:
eu, neles; i as leises, na man que os ferira.

De Castro,Rosalía "Follas Novas" Poema 25 Do íntimo

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Unha pizca de sal